Unha empresa do Milladoiro desenvolve aplicacións que tiran proveito dos pictogramas para superar fendas comunicativas

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Varios son os proxectos que buscan facilitar a comunicación de persoas con diversidades funcionais e cognitivas en base a pictogramas (como PictoDroid Lite) e nesa mesma liña temos agora ao equipo de Pictoaplicaciones, que dende O Milladoiro está a desenvolver os proxectos Pictotraductor, Pictosonidos, Pictocuentos, Pictoagenda e Pictohorarios, entre os que destaca o primeiro, que xa conta cunha páxina web dende a que podemos introducir o texto que desexemos para que o sistema converta as palabras en imaxes tomadas da colección ARASAAC (publicados baixo licenza Creative Commons) ou engadidas polo propio usuario, e que espera adaptarse a iOS e Android en breve.
Pictoaplicaciones é unha iniciativa desenvolvida por Aplex Factory, división de desenvolvemento de aplicacións do Grupo Promedia SMPE, que pretende axudar a persoas con dificultades de expresión mediante linguaxe oral, para que progresen na súa comunicación e comprensión de coñecementos a través de aplicacións baseadas en pictogramas. Estas ferramentas están pensadas para que sexa posible acceder ás mesmas en calquera momento e lugar dun xeito áxil, sen que sexa preciso ter grandes coñecementos informáticos para o seu uso, e contribuíndo á comunicación do día a día.

PUBLICIDADE