Unha empresa valenciana crea o dron multirrotor con maior autonomía

luns, 11 de xaneiro do 2016 Redacción

Madrid acollerá do 28 ao 31 de xaneiro no Pavillón de Cristal da Casa de Campo a Global Robot Expo, un encontro para reunir ás consideradas como máis senlleiras empresas internacionais tecnolóxicas. Este é o contexto elixido por Quaternium, unha start-up valenciana, para estrear o seu dron multirrotor comercial HYBRiX. O aparello HIBRiX chega coa vontade de bater récords pois é a tecnoloxía aérea das súas características con meirande autonomía de voo (até o de agora non superior aos 25 minutos). Para solventar ese atranco, a empresa creadora desenvolveu o dron HYBRiX, unha tecnoloxía híbrida que consegue tempos de desprazamento aéreo seis veces superior aos existentes hoxe día no mercado.
Isto é posíbel, sinalan os creadores da tecnoloxía, grazas a un extensor de rango que transforma o combustíbel dun pequeno motor de explosión en enerxía eléctrica para as hélices, o cal equivale a unha autonomía máxima de voo de 4 horas sen encher.
HIBRiX, engaden, fará posíbel aplicacións industriais que actualmente están moi limitadas para os drons eléctricos como o transporte de medicamentos ou de pequenas mercadorías en zonas de difícil acceso, actuacións en emerxencias, fumigación de grandes terreos ou seguimento e vixilancia de infraestruturas. Este multicóptero eléctrico, en cuxo desenvolvemento colaborou a Xunta de Estremadura a través de Agrotech, chegará ao mercado español este ano 2016.
E cal é a súa finalidade? Segundo o seu fundador, José Luís Cortés, é converterse nunha eficaz alternativa aos helicópteros ou avións para usos comerciais e, en especial, para sectores como a vixilancia aérea, a topografía, a inspección de grandes superficies, filmación aérea ou a agricultura de precisión.

PUBLICIDADE