Unha funda permite transportar o iPad nun arquivador de aneis

venres, 24 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O fabricante Griffin ten numerosos accesorios para dispositivos móbiles, especialmente de Apple, entre os que queremos destacar un que pode resultar moi práctico de cara á volta ao cole, a funda Binder Insert para iPad (de 2ª e 3ª xeración), que permite adaptar o tablet de Apple para o seu transporte dentro dun arquivador de 3 aneis, podendo sacarse dos aneis sen problema para un uso independente como simple funda de protección que deixa espazo libre para acceder ao control de volume, o conector de auriculares, a cámara e o conector da base.
Este curioso accesorio véndese polo momento a través da Internet por 24,99 dólares (é de agardar que pronto acade distribución en tendas físicas), aínda que para uso en contornos educativos hai moitas outras fundas protectoras que poden resultar axeitadas, como a AirStrap (que facilita soster o tablet cunha man sen medo a que caia), as Folio (cunha protección máis tradicional) ou a Executive Passport (feita de pel e que inclúe espazo para tarxetas e papeis). Tamén poden resultar igualmente prácticos os lapis especiais para empregar sobre pantallas táctiles, tanto pola súa precisión como pola naturalidade do seu uso para certas tarefas.

A funda de Griffin permite integrar o iPad no arquivador onde levamos os apuntes de clase

PUBLICIDADE