Unha funda quere axudar a usar o iPhone para gozar de xogos retro

martes, 17 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O feito de que o iPhone estea cada día máis aberto á emulación de videoxogos retro está a provocar tamén que xurdan proxectos orientados á creación de novo hardware como a Gamebaby, unha funda protectora para o iPhone 15 Pro Max e o iPhone 16 Pro Mac que integra botóns físicos para transformar o móbil nunha especie de consola portátil retro inspirada no deseño da clásica Game Boy de Nintendo.
Aínda que este produto pretende venderse a 39,99 dólares cando saia á venda de xeito regular, actualmente ten un prezo promocional de 24,99 dólares (despois de que vender as mil primeiras unidades a 19,99 dólares).
Este dispositivo é bastante orixinal, pois vén a ser unha carcasa protectora para o móbil, que está dividida en dúas pezas, podendo unha das mesmas separase e colocarse para que, en vez de tapar a parte traseira do teléfono, sitúe unha cruceta e varios botóns diante da pantalla, e así poida replicar o sistema de manexo dunha Game Boy.
Os promotores deste accesorio aseguran que soporta a disposición de botóns duns 7.000 xogos de Game Boy, Game Boy Color, Game Boy Advance e NES no emulador Delta; e como grandes vantaxes destacan que esta carcasa non precisa de Bluetooth, cable nin carga para funcionar, polo que resulta moi práctica.

O funcionamento da funda é moi sinxelo