Unha páxina web británica confirma os rumores sobre o Nexus 4

xoves, 25 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A presentación do iPhone 5 foi unha das menos interesantes dos últimos anos por térense filtrado practicamente todas as súas características do último móbil de Apple antes da mesma, e o mesmo parece que vai pasarlle ao novo móbil insignia de Google, o Nexus 4, do que apareceron moitas informacións nas últimas semanas e que, pese a que non se presentará oficialmente ata o luns, a páxina web de Carphone Warehouse (marca coa que se coñece a The Phone House no Reino Unido) xa presenta o terminal, anunciando poderá encargarse dende o 30 de outubro.
Na páxina web británica confirman que o novo móbil funcionará con Android 4.2, terá unha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, procesador Qualcomm S4 de catro núcleos, 2 Gb de RAM, cámara de 8 Mpíxeles e un grosor de 9,1 milímetros, confirmando as características que xa se deran a coñecer con anterioridade, xunto cun detalle que podería non gustar tanto aos usuarios: a súa capacidade de almacenamento interno non podería ampliarse mediante tarxetas microSD.
Unha das novas características que poderían anunciarse para o móbil é o Gesture Typing, ou sexa un novo xeito de teclear na pantalla no móbil sen ter que levantar o dedo da pantala como xa permitían tecnoloxías como a coñecida como Swype.

PUBLICIDADE