Unha pulseira alertará de sobredoses de opiáceos

venres, 28 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Os dispositivos wearables cada vez xogan un maior rol no sector da saúde, e nos EE.UU. queren agora aproveitar estas tecnoloxías emerxentes para frear problemas de saúde pública como as sobredoses de opiáceos polas que rexistraron máis de 115 falecementos diarios en 2018, de aí que dende a Universidade Carnegie Mellon desenvolvesen a HopeBand, unha pulseira cunha aparencia semellante á dun reloxo, que cando detecta baixos niveis de oxíxeno en sangue alerta mediante son, unha luz vermella e incluso enviando unha mensaxe de texto coa posición, ou sexa, que teriamos unha alerta temperá que instaría á subministración de naloxona, podendo así reverter a sobredose.
Actualmente existen outras tecnoloxías semellantes á desta pulseira, pero para uso clínico, mentres que a solución proposta polos alumnos da Carnegie Mellon está orientada cun obxectivo moi específico: ser moi asumible economicamente. A HopeBand pretende repartirse de balde entre usuarios de programas de intercambio de agullas en Pittsburgh e, de resultar satisfactoria a experiencia piloto, procurarán converter a pulseira nun produto comercial que custe entre 16 e 20 dólares (os prototipos actuais custan entre 26 e 30 dólares).

PUBLICIDADE