Unha sentenza libra a unha tenda de pagar o canon dixital pola súa aplicación indiscriminada

xoves, 3 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Ana María Méndez, responsable da tenda Traxtore, que amosaba a súa satisfacción tras a sentenza do Tribunal de Xustiza da U.E.</A>

O litixio que enfronta á Sociedade Xeral de Autores (SGAE) coa empresa Padawan, S.L., ao seren elevado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, provocou a proclamación da ilegalidade do canon dixital español pola súa arbitrariedade, e finalmente concretouse nunha sentenza da Sección 15 da Audiencia Provincial de Barcelona, que absolveu a Padawan (empresa propietaria da tenda de informática Traxtore á que esixían inicialmente 48.000 euros en concepto de compensación por copia privada por soportes ópticos comercializados polo establecemento) por considerar que non é posible determinar os discos gravables que foron vendidos a empresas (que estarían exentos de canon).
Remata así unha loita xudicial de 7 anos, converténdose no primeiro caso que cuestiona o canon dixital, que só debería cobrarse a particulares. De feito, no caso da tenda Traxtore quedou debidamente probado que boa parte dos clientes eran sociedades, polo que de cobrárselle o canon estaríase facer unha aplicación ilegal deste gravame, que vai dirixido a compensar polas copias privadas de contidos protexidos por dereitos de autor, para o que habitualmente non se destinan os soportes de gravación en empresas e organismos públicos.
A nova sentenza deixa clara a necesidade de axustar a lexislación actual para que o canon dixital poida aplicarse axeitadamente, e podería provocar numerosas reclamacións xudiciais para solicitar a devolución do canon mal cobrado, o que suporía un duro golpe económico para certas entidades de xestión.

PUBLICIDADE