Unha spin-off de LG quere revolucionar os marcos dixitais

luns, 16 de maio do 2016 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos á aparición de curiosos trebellos electrónicos nacidos de compañías descoñecidas que buscan financiamento a través do micromecenado, esta ferramenta de financiación, que ten un grande valor tamén como sistema de medición da demanda real dun produto, tamén a aproveitan compañías de maior peso como LG, que está a recorrer a Kickstarter para financiar unha das iniciativas incubadas internamente e que a lanzan comercialmente como unha spin-off: Acanvas.
O modelo de negocio proposto por Acanvas é bastante orixinal, xa que pretende crear un servizo sustentable economicamente de streaming de arte, que chegaría ao público a través de marcos dixitais personificables e sen cables. Esta plataforma pretende comercializarse inicialmente nos EE.UU. e chegar a outros mercados o ano que vén.
O marco dixital de Acanvas é un produto moi rechamante, xa que trátase dunha pantalla Full HD de 23 polgadas e un amplo ángulo de visión, que integra unha batería de 6.850 mAh que achega unha autonomía de 4-5 horas que recárgase automaticamente (estendendo o seu cable de carga cara á base correspondente só cando é preciso, de xeito que a meirande parte do tempo resulta invisible), con sensor de luz ambiental para axustar o seu brillo automaticamente, con dous estilos de marco diferentes, conectividade Wi-Fi para permitir a súa configuración e control a distancia e a posibilidade de funcionar como unha estación de arte na que amosar obras artísticas e experiencias subministradas polo servizo de pagamento da compañía ou incluso para presentar imaxes persoais que o usuario achegue dende o seu móbil.
En poucos días Acanvas xa se achegou á metade dos 100.000 dólares que persegue conseguir a través do micromecenado, polo que é de esperar que completen a campaña con grande antelación, de xeito que antes de rematar o ano o produto sería unha realidade completa, con aplicacións para iOS e Android e un servizo de subscrición que pretende ter un custo de 120 dólares/ano. Os mecenas poden facerse cun destes revolucionarios marcos dixitais por dende 299 dólares (352,75 euros incluíndo os gastos de envío a España), incluíndo un ano de subscrición ao servizo de Acanvas e un marco de cor prata ou negra-marrón para a pantalla que podemos pendurar da parede, o que supón un importante aforro, xa que o produto final tería un prezo en tendas duns 719 dólares (636 euros).

Acanvas permite empregar o seu marco dixital para amosar as nosas fotografías persoais

Vídeo promocional de Acanvas

PUBLICIDADE