Unha unidade de memoria USB identifica ao seu dono pola voz

luns, 30 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hammacher Schlemmer incorporou ao seu catálogo a primeira unidade de memoria USB que permite protexer os seus contidos mediante voz, de xeito que os documentos almacenados nos seus 8 Gb de capacidade, como información de contacto, datos financeiros ou listaxes de contrasinais, poden protexerse mediante un software de recoñecemento de voz que detecta frecuencias específicas e tons da voz do propietario da unidade. Non precisa de instalación para o seu funcionamento e chega con conectala a un porto USB e dicir en voz alta unha vez o contrasinal para poder acceder aos documentos almacenados na unidade.
Tamén é posible definir un contrasinal alternativo para poder desbloquear os contidos protexidos en caso de esquecer o contrasinal falado ou ante situacións nas que teñamos a voz afectada.
Esta curiosa unidade de memoria USB opera tanto en PC coma en Mac e o seu prezo de venda é de 49,95 dólares (37,72 euros).

JPEG - 46.5 KB
A unidade de memoria USB con identificación por voz funciona tanto en PC coma en Mac

PUBLICIDADE