Unha xornada técnica aborda o uso da IA nas bibliotecas
venres, 7 de febreiro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá as xornadas técnicas Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas na Cidade da Cultura, cita que ten como finalidade debullar os desafíos que as tecnoloxías baseadas en IA traen ao traballo diario dos profesionais bibliotecarios. López Campos salientou “a necesidade de promover a formación especializada dos técnicos das bibliotecas de Galicia neste eido para fomentar un uso responsable da IA”.
Nas xornadas participan institucións de Galicia e o resto de España que están levando a cabo algúns dos estudos ou proxectos máis importantes relacionados con esta tecnoloxía en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España, a Sociedade Española de Documentación e Información Científica, o Centro Español de Dereitos Reprográficos, a Fundación March ou a Universidade de Granada.
O conselleiro sinalou que “xa é unha realidade que a intelixencia artificial está a transformar os servizos bibliotecarios, o acceso á información, a xestión documental ou a catalogación”, para engadir que a implantación da IA tamén vai aumentar as posibilidades de traballo nestes eidos.
Ao abeiro destas xornadas tamén se abordou o Proxecto Nós, impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, unha iniciativa que, malia non estar directamente relacionada co mundo das bibliotecas, é fundamental para promover a presenza dixital do galego. O seu obxectivo é crear os recursos dixitais e lingüísticos necesarios para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en galego.