Uns 70 empresarios participaron na presentación na Coruña do Programa Ningunha Empresa sen Web

mércores, 21 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Semella que a chegada a Galiza do Programa NEW e a súa presentación oficial na Coruña este martes 20 tivo xa algunhas consecuencias, a xuízo dos responsables do proxecto (os técnicos do Ministerio de Industria), sen dúbida positivas. O NEW (Ningunha Empresa sen Web) foi dado a coñecer no Centro Municipal de Emprego perante unha abondosa representación do empresariado galego e sobre todo da área de influenza da dita cidade. Segundo cifras achegadas por Industria, participaron na presentación preto de 70 empresarios.
O obxectivo da xuntanza foi dobre, sendo un deles xenérico e o outro máis concreto. O primeiro tivo que ver con afondar na difusión das vantaxes das redes para mellorar a xestión e a capacidade de competir. O segundo consistiu en entrar de cheo nos beneficios de formar parte do Programa NEW, que son –palabras máis, palabras menos- os mesmos cós de formar parte da Sociedade do Coñecemento, pero con guías e asesoramento.
Dito doutro xeito: o proxecto é unha ferramenta de apoio para non entrar a cegas nun eido en ocasións complicados como é o das redes da información, e coa vantaxe de que che poñen ó alcance da man a posibilidade de ter unha web propia por 65 euros ó ano, incluíndo servizos de aloxamento, dominio e correo electrónico. Neste senso, os responsables do plan non quixeron deixar pasar a oportunidade de facer fincapé na importancia de estar na Rede: “Se non estamos en Internet xa non existimos como empresa”. Segundo informa Industria, os asistentes ós obradoiros amosáronse interesados nas vantaxes do NEW, sobre todo no que se refire a acadar unha serie de servizos a prezos accesibles, máis baixos ca unha boa parte do que hai no mercado.
Neste pdf poderemos atopar máis información sobre o proxecto.
O NEW forma parte do Plan Avanza, posto en marcha por la entidade pública empresarial adscrita a o Ministerio de Industria, Red.es, para facilitar que as empresas españolas teñan presenza en Internet dunha maneira simple e económica. Con esta finalidade, puxéronse en marcha unha serie de medidas entre as que se atopan estas sesións divulgativas, dirixidas a empresas con menos de 250 traballadores e máis a empresarios autónomos. Deste xeito, na provincia de A Coruña enviáronse preto de 4.000 cartas e realizáronse case 1.500 chamadas para informar as pequenas e medianas empresas sobre as vantaxes do Programa.

PUBLICIDADE