Uns altofalantes Bluetooth permitirán unha boa reprodución estéreo funcionando en parella

martes, 30 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Os proxectos de micromecenado para fabricar dispositivos de electrónica de consumo son cada vez máis frecuentes, e vese que cando teñen certo atractivo conseguen financiamento a grande velocidade, como é o caso dos altofalantes The Blazar de Beacon Audio, que en menos dunha semana conseguiu os 90.000 dólares que precisa para converterse nunha realidade, quedando máis dun mes para rematar a campaña de captación de financiamento, que facilita así un xeito de mercar anticipadamente un destes dispositivos que parten actualmente dun prezo de 124 dólares de xeito que por pouco máis de 100 euros é posible encargar un dende Europa.

Será posible emparellar un par de altofalantes para conseguir unha boa experiencia estéreo

O altofalante The Blazar é compacto e portátil (a súa batería achégalle unha autonomía de ata 12 horas de uso continuo), promete un son de calidade, emparéllase cos nosos dispositivos móbiles por Bluetooth (proceso que será áxil e doado se contamos con dispositivos con NFC), integra micrófono e, como curiosidade, permite un modo de funcionamento estéreo dual, de xeito que poden empregarse dous altofalantes Blazar separando as canles esquerda e dereita, facilitando un estéreo real sen fíos.
Estes atractivos altofalantes estarán dispoñibles en varias cores e pretenden completar o seu proceso de produción a mediados de setembro (cando os mecenas que apoiaron o proxecto nos seus inicios comezarán a recibir as súas unidades) esperando ter remitido todos os altofalantes comprometidos en Kickstarter o 1 de decembro.


Vídeo promocional do proxecto en Kickstarter de The Blazar

PUBLICIDADE