VAIO prepara un smartphone con Windows 10 e Continuum

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O novo smartphone adopta unha estética moi acorde á marca VAIO

Tras a segregación de Sony, a marca VAIO progresa máis aló dos ordenadores persoais, e incluso atrévese a entrar no mercado dos smartphones, no que Sony si ten unha presenza consolidada, aínda que optando por Windows 10 en vez de Android co novo VAIO Phone Biz, que foxe dos acabados de policarbonato da familia Lumia de Microsoft e opta por un acabado de aluminio que o converte nun dos smartphones con Windows 10 máis elegantes do mercado, seguindo unha estética propia da familia VAIO.
Este smartphone de acabado coidado e grande calidade de construción conta cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 617, 3 GB de RAM e cámara traseira de 13 Mpíxeles e sairá á venda en abril a uns 50.000 iens (380,64 euros). Cómpre destacar que grazas á ampliación do soporte de Continuum aos procesadores Snapdragon 617, o VAIO Phone Biz sería un dos poucos teléfonos que podería conectarse a unha pantalla, un teclado e un rato para operar dun xeito semellante a un ordenador de escritorio con Windows (limitando o seu uso a aplicacións universais) facendo que este terminal poida resultar moi atractivo para certos contornos empresariais.
Polo momento non se coñece se veremos este terminal no noso territorio, xa que VAIO é unha marca que resístese a saír do Xapón.

O procesador Qualcomm Snapdragon 617 permite que o VAIO Phone Biz poida gozar de Continuum

PUBLICIDADE