VIA presenta un ultraportátil con moitas opcións de conectividade

martes, 27 de maio do 2008 Marcus Fernández

VIA está a preparar un ordenador ultraportátil baixo o nome de OpenBook que se afastará un pouco dos de baixo custo para integrar moitas prestacións, de xeito que o seu deseño de referencia estaría composto por un portátil cun procesador VIA C7-M ULV, pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, unhas medidas de 240 x 175 x 36,2 milímetros e só 1 quilogramo de peso.
No aspecto gráfico é capaz de mover vídeo en MPEG-2, MPEG-4, WMV9, VC1 e DivX, pero no que sorprende especialmente é na conectividade, pois aparte de Wi-Fi e Bluetooth contará con AGPS opcional e a posibilidade de elixir entre conectividade WiMAX, HSDPA ou EV-DO/W-CDMA (ou sexa, distintas tecnoloxías de banda larga móbil).
Non lle faltan saída VGA, 3 portos USB 2.0, lector de tarxetas de memoria e unha webcam de dobre cabeza (é á vez traseira e dianteira). É capaz de funcionar con Windows XP, Vista e Linux, entregándose con ata 2 Gb de RAM e a posibilidade de elixir entre disco duro ou disco de memoria sólida. A súa autonomía cunha batería de 4 celas sería dunhas 3 horas e o seu prezo podería estar preto dos 600 dólares.


Presentación do VIA OpenBook

PUBLICIDADE