VIVE Focus Plus, unha solución de VR autónoma para empresas

venres, 22 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende HTC naceu unha marca de cascos de realidade virtual que converteuse no principal referente do sector para aplicacións profesionais, e aínda que o casco HTC Vive estaba orientado ao seu uso en ordenadores persoais de alta gama, agora queren desfacerse de cables e ofrecer unha nova experiencia con VIVE Focus Plus, un casco que ofrecerá seis graos de liberdade, ou sexa, que permitirá gozar de mundos virtuais inmersivos coa mesma liberdade que os dispositivos para ordenador, pero gozando de maior portabilidade e dun uso máis natural ao carecer de cables.
Este novo produto chegará a máis de 25 mercados no segundo trimestre do ano e, aparte do seu casco de realidade virtual, tamén contará cun par de controladores para as mans que facilitarán a interacción dentro dos mundos virtuais. Pero un dos puntos fortes deste produto é que está baseado na plataforma WAVE, contando con ferramentas de desenvolvemento que facilitarán que os programadores poidan trasladar dun xeito relativamente doado as súas creacións para ordenador a esta solución móbil.
No que a especificacións se refire, VIVE Focus Plus conta cunha pantalla AMOLED cunha resolución de 2.880 x 1.600 píxeles cunha velocidade de refresco de 75 Hz e un campo de visión de 110 graos, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 835, ten 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, integra conectividade Wi-Fi e a súa batería de 4.000 mAh permite até 2,5 horas de uso activo.