Valve confirma que está a traballar no xogo Deadlock

venres, 23 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Durante o mes de agosto comentouse que Valve estaba a traballar nun hero shooter en terceira persoa moi na liña de Overwatch (con toques de Valorant, Dota 2 e Team Fortress 2) que recibiría por nome Deadlock, e que estaría a probarse por milleiros de usuarios convidados (de xeito, ten rexistrado máis de 44 mil xogadores simultáneos), o que resulta rechamante para unha versión de proba dun xogo sen anunciar.
Finalmente este segredo a voces libérase, e Deadlock figura xa en Steam como «un xogo multixogador en fase temperá de desenvolvemento», detallando que os recursos artísticos que presenta son temporais, a xogabilidade é experimental e a localización aínda está en curso, de aí que o acceso a este título estea limitado a usuarios convidados, aínda que sorprenda que o número de convites repartidos sexa tan elevado.
En calquera caso estamos ante un proxecto moi imporante, xa que sería o primeiro grande lanzamento de Valve en varios anos, xa que a compañía de videoxogos está máis centrada na comercialización de xogos que na súa creación, pero todo o que desenvolve directamente ten moitas bazas para converterse nun grande éxito.

Vídeo no que podemos ver Deadlock en acción