Valve presenta unha consola portátil para xogos de PC

xoves, 15 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Dende Valve conseguiron que a súa tenda dixital de videoxogos para PC se convertese en todo un estándar, dominando o mercado, pero ao querer trasladar ese éxito ao hardware fracasaron en numerosas ocasións, sendo incapaces de consolidar un ecosistemas de equipos domésticos destinados aos videoxogos e incluso unha solución para realizar streaming, o que non lles fixo tirar a toalla, de aí que agora presenten Steam Deck, unha especie de consolas portátil de vídeoxogos portátil claramente inspirada na Nintendo Switch, que internamente sería un ordenador baseado en Linux.
O Steam Deck está previsto que chegue ao mercado no mes de decembro a un prezo que parte dos 419 euros para un modelo sumamente básico e nada recomendable (xa que contaría con só 64 GB de almacenamento eMMC, o que ofrecería unha mala experiencia de uso), mentres que o seu modelo seguinte sería máis digno ao contar con 256 GB de almacenamento SSD NVMe, o que subiría o seu prezo até os 549 euros. Finalmente tamén terán un modelo que custará 679 euros e que contará con 512 GB de SSD e pantalla antirreflectinte, un prezo que pode parecer moi elevado se vemos o produto como unha consola portátil, pero que parece máis razoable se entendemos que estamos ante un ordenador portátil que incluso poderemos conectar a unha base opcional para empregalo como un equipo de escritorio completo.
O grande atractivo de Steam Deck estaría no feito de abrir o acceso ao completo catálogo de xogos de Steam nun equipo portátil, prometendo potencia dabondo para gozar dos últimos grandes lanzamentos e achegando un sistema de control bastante completo ao combinar cruceta, sticks analóxicos, botóns físicos, gatillos, xiroscopio, pantalla táctil e mesmo paneis táctiles, adaptándose así a moitas formas de xogar.
Este dispositivo está baseado nun procesador Zen 2 de AMD con 16 GB de RAM, o que sería unha configuración moi potente para o uso de xogos, que correrían con grande nivel de detalle na súa pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e 60 Hz, modo no que contaría cunha autonomía de entre 2 e 8 horas de xogo, ou sexa, que até que chegue ao mercado será difícil saber cal será a súa autonomía real. Se ben pode criticarse bastante a súa resolución de pantalla, probablemente vaia ser máis crítico o seu peso de 669 gramos, que supera amplamente os 426 gramos dunha Switch e os seus Joy-Con.
Outro detalle que tamén terá que demostrar a súa fiabilidade é o sistema operativo SteamOS 3.0, unha versión de Linux desenvolvida por Valve, que facendo uso da capa de compatibilidade Proton promete facer posible gozar de todo o catálogo de xogos de Steam sen que os desenvolvedores teñan que adaptar as súas creacións.
Pese ás moitas dúbidas sobre este novo produto, de seguro que moitos entusiastas dos xogo para PC animaranse para facerse cunha das primeiras unidades desta consola portátil que sen dúbida tería unha grande acollida no pasado, pero que podería ter moitas dificultades por ter que competir co xogo na nube, que podería ofrecer unha experiencia superior para moitos usuarios, especialmente a nivel de resolución gráfica e mobilidade (pois os smartphones e tabletas poden ofrecer pesos inferiores e maiores autonomías). Tamén é todo un atranco que esta proposta de Valve teña na práctica un prezo superior ao dunha consola de nova xeración, así como o feito de que a compañía abandonase rapidamente o seu hardware anterior (o que pode levar a que os consumidores desconfíen dun produto que supón un grande investimento e ten poucas garantías a longo prazo).

PUBLICIDADE