Varios ataques interrompen o acceso á Rede en Andorra

luns, 24 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses non foron poucos os influentes españois que provocaron certa polémica por mudar a súa residencia habitual a Andorra para pagar menos impostos, o que parece ser a causa dunha serie de ataques de denegación de servizo contra Andorra Telecom, deixando tanto a streamers sen conexión para realizar as súas retransmisións en directo, e incluso afectando á conectividade móbil 4G dalgúns clientes.
Dende o pasado venres, coincidindo cun torneo de Twitch Rivals baseado en El Juego del Calamar, con participantes como Auronplay, El Rubius ou TheGrefg, tivo lugar un dos ataques máis importantes, con 147 streamers superando varias probas nun servidor privado de Minecraft para optar a un premio de 100.000 euros, constatouse que os participantes que retransmitían dende Andorra deixaran de emitir, incidente que volveu repetirse o sábado, provocando un claro prexuízo non só aos streamers instalados en Andorra (11 foron eliminados do concurso por desconexión), senón a calquera outro habitante do país. E a situación non parece estar lonxe de superarse, e esta mesma mañá Andorra Telecom está a informar doutro ataque de denegación de servizo que afectaría á navegación pola Internet dos seus usuarios.
Aínda que a interrupción dun torneo de Minecraft non é máis que unha anécdota, que un ataque poida deixar sen Internet a un país enteiro demostra a vulnerabilidade que ten Andorra a nivel de telecomunicacións por contar cun único provedor de acceso á Rede en todo o principado.

PUBLICIDADE