Varios mini-ordenadores preparan chegar ao mercado de cara ao lanzamento de Windows 10
xoves, 4 de xuño do 2015
O lanzamento de Windows 10 vai chegar con numerosos equipos
informáticos bastante sorprendentes, que tirarán proveito das novas prestacións
do futuro sistema operativo de Microsoft, dos que moitos están a amosarse estes
días no Computex de Taipei, entre os que están a chamar a atención un par de
equipos de reducidas dimensións: O Quanta Computer Plug e o FoxConn Kangaroo.
O Quanta
Computer Plug sería un mini-ordenador, que en vez de optar polo formato de stick HDMI como fan outros fabricantes,
sitúa os seus compoñentes no enchufe co que se conecta á rede eléctrica, dando
a impresión de que se trata dun transformador, cando en realidade é un
ordenador que pode conectarse a un televisor ou monitor por HDMI, que integra
un par de portos USB, e que tamén ten conectividade Bluetooth, facilitando así
o seu uso con mandos sen fíos e incluso o aproveitamento de Cortana, por
exemplo, como unha solución audiovisual (sería posible dar ordes de voz a este
equipo no salón, achegando un control sen mans á reprodución multimedia).
Este curioso trebello de Quanta integraría un procesador Intel Bay Trail T-CR
SoC (Z3735F7), 2 GB De RAM e 64 GB de almacenamento interno, prestacións máis
que suficientes para un equipo informático básico, e que incluso superaría en
prestacións a algunha tableta con Windows 10, polo que debería ser dabondo para
navegar pola web, reproducir contidos multimedia e incluso labores ofimáticas
ocasionais.
Na mesma liña estaría o FoxConn
Kangaroo, que ten un formato máis tradicional, xa que presentaríase
simplemente como un equipo moi compacto, que incluso sería doado de instalar na
parte traseira dun monitor para convertelo nun equipo todo-en-un, pero que como
prestacións interesantes ten que integra un lector de pegadas dixitais (para
ser compatible con Windows Hello) e unha batería cunha autonomía de até 6
horas.