Ve a luz o novo Samsung GALAXY S4 mini

xoves, 30 de maio do 2013 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe o seu novo smartphone GALAXY S4 mini, seguindo a liña da compañía surcoreana de aproveitar a marca do seu móbil insignia para sacar unha versión reducida, que pouco ten que ver en prestacións, pero que procura aproveitar o pulo comercial do seu irmán maior. Desta volta estamos ante un terminal con pantalla Super AMOLED cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,7 GHz, 1,5 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, función de mando a distancia por infravermellos, batería de 1.900 mAh, sistema operativo Android 4.2.2, un grosor de 8,94 milímetros e un peso de 107 gramos.
É de agardar que no evento para a prensa programado por Samsung para o 20 de xuño en Londres poida verse este novo móbil, que claramente está moi afastado en prestacións do GALAXY S4 a nivel de hardware, aínda que aproveita as numerosas aplicacións de Samsung para poder destacar fronte a terminais doutros fabricantes. O GALAXY S4 mini porase á venda en negro e branco, e estará dispoñible segundo mercados con distintas conectividades: 4G LTE, 3G HSPA+ ou 3G con dobre SIM.

Especificacións do novo Samsung GALAXY S4 mini

PUBLICIDADE