Veiguela dá conta das cen accións programadas para conmemorar as Letras e o Día de Internet

luns, 5 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Helena Veiguela, acompañada por Rafael Juanatey, explicando o programa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información para conmemorar o Día de Internet e das Letras Galegas

Para o resto do mundo (enténdase: aquilo que non é Galiza), o 17 de maio é un día ligado de xeito irremediable ás novas tecnoloxías da información. Ou sexa: a aquilo que nos permite comunicarnos e falar con unha persoa ou co mundo enteiro e sen necesidade de mover as pernas. Falamos do Día da Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións, dúas xornadas nunha soa para reflexionar no que representa o feito comunicativo. O caso é que esta festividade dupla e xenérica (que, como tal, pode festexarse como a cada quen se lle ocorra) gaña na nosa terra en contundencia e significado.
Ou sexa: ao coincidir coas Letras Galegas, a conmemoración da Internet céntrase e mesmo semella facerse maior. Asemade, sírvenos para lembrarnos a necesidade de non desvincular xa unha cousa (o fenómeno Rede) da outra (a nosa cultura), en boa medida reciprocamente positivas. Arredor desta premisa xiran as actividades presentadas hoxe pola Consellería de Innovación, detalladas polo miúdo na web remodelada Máis Internet Máis Galego.
Resumindo: temos en Galiza unha festividade tripla e cun aquel de especial carga simbólica, coma se alguén, sexa quen sexa e proveña de onde proveña, estivese a dicirnos algo de importancia. Se cadra algo coma isto: a Rede enriquécese co galego e este, incrementa as súas posibilidades de futuro coa Internet. Unha das institucións públicas da nosa terra que máis está a facer fincapé estes días no que acabamos de dicir é a Consellería de Innovación, que –como dixemos- vén de presentar o seu programa de actividades para conmemorar o 17 de maio. Serán preto de 100 accións concretas a incluír en cinco grandes eventos. Asemade, haberá 8 iniciativas específicas para a Rede, máis concretamente no dito espazo web habilitado para a ocasión.
De todo isto falou este luns pola mañá en Santiago a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen concorreu perante os medios acompañada do subdirector xeral do mesmo departamento, Rafael Juanatey.
Unha vez máis, a idea é a de afondar nas moitas vantaxes da Internet para darlle máis vida ó galego e para contribuír, en definitiva, á súa normalización (pártese da base de que é positivo que se identifique a lingua con conceptos innovadores e de uso común, poñendo de relevo que é perfectamente válida como fala moderna). Disto (de unir pasado e futuro) trata precisamente o lema elixido para resumir as actividades deste ano: “Galiza, Terra de Navegantes”. Máis polo miúdo e segundo indicou Helena Veiguela, a frase fai referencia ao “obxectivo de sumar á tradición marítima a navegación na Rede de xeito participativo de todo o tecido asociativo e empresarial galego”. Dito doutro xeito: non se trata só de que o pasado inflúa no devir dos acontecementos, senón que se dea tamén a vía de influenza contraria, e de que a vida imite á Rede.

As actividades, polo miúdo
As iniciativas presentadas inclúen un orzamento de 300.000 euros e desenvolveranse ao longo do mes de maio, contando coa cooperación de empresas, asociacións e universidades. Helena Veiguela destacou que as iniciativas presenciais constitúen este ano unha das bazas da campaña e realizaranse en estreita colaboración con diferentes institucións e asociacións. Deste xeito, salientou a posta en marcha entre os meses de maio e xuño de 86 proxectos dinamizadores nos diferentes centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información impulsada pola Consellaría e engadiu que 7 premios recoñecerán o interese, creatividade e uso de novas tecnoloxías dos proxectos realizados.

En colaboración co Centro de Referencia de Servizos e Software Libre Mancomun, celebrarase o 10 de maio un Encontro sobre a tradución de software libre ao galego, no que haberá un relatorio aberto ao público e unha segunda parte orientada ao intercambio entre os axentes da comunidade galega de tradución de software libre.
Da man de TADEGA, asociación centrada nas tecnoloxías educativas para atender á diversidade, celebrarase os días 23 e 24 de maio o I Congreso TADEGA sobre accesibilidade das TIC e o seu emprego para superar a fenda dixital de certos grupos sociais.

O programa “Galicia, Terra de Navegantes” albergará a presentación do proxecto de Dicionario Enciclopédico das TIC, en colaboración coa Real Academia Galega e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións. O proxecto desenvolverase ao longo dos vindeiros 2 anos cun orzamento de 167.000 euros e vai supoñer, segundo a Consellería de Innovación, “un claro avance para o uso do galego no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.

Dentro das iniciativas presenciais, a Consellería salientou tamén a Xornada “2.0, A nova ágora galega”, que se celebrará o 14 de maio en colaboración coas 3 universidades galegas e na que se abordará a aplicación das tecnoloxías web participativas en diferentes ámbitos.

Eventos na Rede
Como dixemos, a web Máis Internet Máis Galego servirá de soporte para as 8 iniciativas que se van desenvolver na Rede. A páxina ofrece un apartado específico para o escritor recoñecido este ano co Día das Letras Galegas, Xosé María Álvarez Blázquez, no que poderemos obter información sobre a súa persoa e a súa obra.
A través da sección A rede é nosa preténdese comunicar a importante presenza galega no ámbito internacional das TIC “a través de entrevistas multimedia cunha quincena de persoas que salientan polo seu labor neste ámbito”, sinala a Consellería.

O concurso Ti+D quere implicar ao maior número de internautas posible para que fagan propostas de creación de produtos e ideas tecnolóxicas e ao remate do mesmo premiaranse aqueles proxectos máis orixinais, creativos e útiles.

Segundo informa a Consellería, grazas á sección Accións na Rede poñeranse en marcha “distintas iniciativas realizadas en colaboración con varias asociacións culturais e de Internet e que permiten a participación do conxunto da cidadanía a través da Internet”. Deste xeito, desenvolverase o proxecto da Asociación Fillos de Galiza consistente na creación do wiki Nomes-galegos.info sobre antroponimia galega e que ten intención de permanencia unha vez rematada a campaña da Consellaría.

Outra das iniciativas é a da web que amosa un catálogo de materiais e experiencias TIC de uso na atención á diversidade realizado en galego. A asociación TADEGA colaborará tamén nesta iniciativa.

Pola súa banda, a Asociación Cultural Verea realizará a noite do 17 de maio un programa de televisión retransmitido a través da rede que incluirá entrevistas, actuacións, debates, reportaxes e conexións en directo. A proposta servirá, a xuízo da Consellería, para achegar novos espazos á lingua galega no uso cotiá das novas tecnoloxías e de Internet.

A web Máis Internet Máis Galego recolle tamén unha iniciativa para a xeoreferenciación dos galegos e galegas do mundo chamada Galiza Global 2, un proxecto que naceu hai un ano e que conta con máis de 1.000 usuarios. A intención da Consellería é incrementar a cifra de usuarios recollendo melloras no seu funcionamento para poder xestionar fórmulas que permita a comunicación entre aqueles.

Tamén se inclúe na devandita páxina un Curso virtual sobre Curros Enríquez, que é unha actividade formativa a distancia baseado en software libre, con relatorios por Internet e participación mediante chat. Con esta actuación, os participantes poderán recibir os relatorios entre outros de Neira Vilas, Anxo Angueira, Francisco Rodríguez ou Rosa Aneiros.

PUBLICIDADE