Vergatario: o móbil venezolano que se estreará en maio

venres, 27 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Grazas ao financiamento do Fondo Chino-Venezolano, que achegou 19,5 millóns de dólares, comezará a ensamblarse en Venezuela un teléfono móbil de deseño chinés que se coñecerá comercialmente coma Vergatario, do que se prevé a produción de 600.000 terminais ao ano para chegar en 2010 ao seu primeiro millón.
O Vergatario é un terminal CDMA, cunha cámara bastante básica, xogos, cronómetro, SMS, radio FM, MP4 e animacións que o propio presidente Chávez define coma «cómodo, pequeno, livián, resistente, somerxible e blindado», o que podemos tomar como unha esaxeración innecesaria, pois está claro que o móbil pretende simplemente evitar a importación de terminais ocupando ata o 28% do mercado da telefonía móbil (porcentaxe anunciada pola ministra venezolana de Telecomunicacións e Informática, e que parece bastante arbitraria se temos en conta que o número de móbiles importados ao ano supera os 7 millóns de unidades), sendo un dispositivo que non destaca polas súas prestacións técnicas nin deseño.
O novo móbil chegará ao mercado venezolano o 10 de maio, aínda que tamén agardan vendelo nos países veciños.


Chávez presentando en sociedade o novo Vergatario