Verín bota man de tecnoloxías GPS e QR para facilitar a experiencia dos turistas

venres, 4 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Verín presentou onte unha guía de servizos e de turismo que abrangue as referencias e emprazamentos de meirande interese do ámbito local a través das máis avanzadas tecnoloxías de localización e información. A guía lanzouse en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e tira partido do xeoposicionamento GPS e dos códigos QR para sinalar de xeito exacto os puntos de meirande atractivo para os visitantes. A idea é facilitar ao máximo a experiencia dos viaxeiros que se acheguen a Verín e ao concello.
Nun plano máis detallado, a guía Servizos Novo Verín contén cousas como o emprazamento exacto dos oito estacionamentos libres da vila, incluído o reservado para camións. A través das indicacións achegadas a través de códigos QR (e visualizadas coa axuda de calquera das aplicacións móbiles dispoñíbeis para a súa lectura), permítese aos visitantes chegar da maneira máis cómoda aos devanditos destinos mediante o navegador de Google Maps.
Ademais, en colaboración con AEHCOM, Aever e a Denominación de Orixe Monterrei, contén un directorio de todos os seus asociados, e outros teléfonos de interese.
A maiores, inclúe a información necesaria para a promoción e difusión dos balnearios reabertos nos últimos tres anos en Verín, e tamén para o seu emprazamento telemático. É o caso dos establecementos de Caldeliñas e Fontenova, que aparecen descritos tanto polas súas propiedades como polo papel que xogaron na historia da vila.
Outro dos apartados da guía de servizos é a localización exacta de todos os puntos limpos de Verín, 15 na actualidade, que eliminaron centos de contedores das rúas e “que permiten realizar a separación sen concentrar a recollida nas rúas”, sinalou onte o Concello, engadindo que a guía dá acollida, tamén, aos novos espazos urbanos, os novos parques temáticos e máis os terreos adquiridos para as dúas grandes novas zonas verdes de Verín, A Preguiza e Fontenova, xa de propiedade municipal.

PUBLICIDADE