Vertu Ferrari 1947: móbil para xente que nunca poría un chandal

venres, 30 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Para que o imos negar? Segue existindo xente que nunca subiría a un autobús e que se colle o volante do coche é porque están doentes (moi doentes) todos aqueles que poderían facer as veces de chofer. En definitiva: segue habendo persoas que botan perfume e gomina para facer deporte. Se cadra os desenvolvementos da casa Vertu están expresamente deseñados para entrarlles ben polo ollo, como por exemplo o Vertu Ferrari 1947, un móbil de feitura exclusiva que, como todo trebello que xorde dende e para a exquisitez máis absoluta, ten unha tirada moi limitada, concretamente de (como se indica no propio nome do teléfono) 1.947 unidades, elaboradas na súa integridade a man.
Ou sexa, que estamos perante un terminal deses que se saen das carteiras e dos bolsos dos seus donos son tanto para o lucimento dos mesmos (ou máis) como para seren empregados realmente. En fin: como para que logo non teñan cobertura. O aparello non se chama Ferrari por que si. De feito, na parte de atrás ten a reprodución dun pedal do freno do lexendario automóbil italiano.

PUBLICIDADE