ViaGalicia conclúe a fase de aceleración da súa sexta edición

mércores, 24 de febreiro do 2021 Redacción

A aceleradora da Zona Franca de Vigo, ViaGalicia, concluíu hoxe a fase de aceleración dos 10 proxectos que participaron na súa sexta edición. Deste xeito, desde o nacemento desta iniciativa xa foron aceleradas 79 startups, das que un 80 por cento seguen en activo e crearon máis de 400 postos de traballo.
En concreto, os 10 proxectos acelerados nesta última edición foron Alice Biometrics, que desenvolve unha ferramenta de recoñecemento facial para identificación segura; Anduriña 25, que é a primeira aeronave non tripulada de á fixa; e Envita, unha plataforma para recompilar a historia e actividade de persoas maiores.
Tamén se inclúen Frankie, unha empresa para elaborar plans nutricionais para cans; Innogando, que desenvolve un sistema de algoritmos para coñecer o estado de saúde de animais en explotacións gandeiras; e MamimeMima, que comercializa colares de lactación e un chupetero con silicona antibacteriana.
Finalmente, SangríaRepublic, que ofrece tres novos sabores de sangría; Tappear, unha aplicación para atopar sitios de tapas; The Painter’’ s Wife, que é unha marca de roupa e accesorios para mascotas; e Versos de A Ruda, unha empresa que ofrece repostería caseira fresca en racións individuais para hostalería e eventos.
As startups participantes na aceleradora reciben un apoio financeiro de 125.000 euros, aínda que os promotores dos proxectos «valoran máis a calidade da formación e a aprendizaxe para mellorar os modelos de negocio», asegurou a organización de ViaGalicia.
Neste ámbito, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, destacou que «as startups, polo seu tamaño, son moito máis flexibles e adáptanse máis rapidamente aos cambios da contorna», algo que «souberon aplicar nun ano marcado pola COVID-19».

PUBLICIDADE