Vicepresidencia e o CPEIG lanzan unha aplicación para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero

martes, 1 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

Dun tempo a esta parte, as entidades galegas están a xuntar forzas (intensificando esforzos) a prol de novas tecnoloxías para a inclusión, a solidariedade e a acción social. Vímolo recentemente no congreso do Valedor do Pobo contra o ciberacoso ou no programa Navega con Rumbo. Amais do compromiso por unha sociedade mellor informada e máis igualitaria e xusta (no real e no virtual), as ditas iniciativas teñen outro denominador común: a colaboración entre o Goberno galego e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Este martes primeiro de decembro, precisamente, presentouse en Santiago un novo capítulo desta cooperación. Trátase da aplicación de balde Escapp, “unha ferramenta específica para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero”.
O recurso informático foi presentado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Segundo fixeron saber, a aplicación é froito dun acordo Vicepresidencia-CPEIG cuxo obxectivo é crear innovación tecnolóxica con “perspectiva de xénero” que axude a superar “a desigualdade TIC das mulleres” e contribúa á loita contra a violencia de xénero. Amais da aplicación, o acordo abrangue accións formativas, de información e divulgación, “facendo fincapé especial na xente moza e o seu uso das tecnoloxías”.
No acto perante os medios, Fernando Suárez debullou a forma e contido de Escapp, como dixemos un recurso para mulleres vítimas da violencia de xénero encamiñado a mellorar na medida do posíbel “a súa difícil situación”, fixo saber o presidente do CPEIG, que engadiu que a ferramenta xa está dispoñíbel para Android, estando prevista para datas vindeiras o lanzamento da versión para iOS. Suárez, na súa intervención, fixo fincapé nas medidas de seguridade que inclúe e nos elementos dos que dispón para resultar sinxela e acaida para todas as posíbeis usuarias, sexan cales sexan os seus coñecementos informáticos e tecnolóxicos. “Trátase”, comentou, “dunha ferramenta moi sinxela, moi intuitiva e moi doada de empregar e de instalar no noso dispositivo”. Por contidos, inclúe entre outras moitas cousas os principais consellos e recomendacións para mulleres vítimas de maltrato de xénero. Ademais de apartados como Primeiros sinais, Que facer ou Preguntas frecuentes, dá acubillo a “un completo directorio de recursos como centros de información á muller, hospitais, corpos de seguridade ou servizos sociais”, lembrou Suárez, que tamén recalcou que estes elementos aparecen nun mapa xeoposicionados ao detalle, co fin de facilitar ao máximo unha posíbel busca de información, asesoramento ou axuda.
Segundo fixo saber o presidente do CPEIG, “hai apartados que nos indican o que facer nunha situación así, que recursos de seguridade temos, como e onde informarnos e que pasos dar, como denunciar e que consecuencias pode ter unha denuncia, que recursos teñen as mulleres nesta situación, etc”. Suárez rematou a súa intervención lembrando que a ferramenta abrangue unha galería audiovisual de elementos multimedia que liga directamente co repositorio da Secretaría Xeral de Igualdade.
Polo que se refire á intervención de Alfonso Rueda, comezou agradecendo ao CPEIG a súa colaboración “nunha materia de tanta importancia non só para o Goberno, senón para toda a sociedade, xa que a procura da igualdade e a erradicación da violencia de xénero son dous obxectivos fundamentais dunha sociedade moderna”. Asemade, recordou que se fixo o máximo fincapé en acadar unha ferramenta (en alusión a Escapp) especialmente sinxela, por ser a sinxeleza o complemento ideal do útil. “Quixemos que fose ante todo de utilidade e que puidera ser empregada por calquera persoa”, sinalou, engadindo que outra das grandes características da aplicación reside, precisamente, en que pode ser usada por calquera persoa que detecte no seu entorno unha posíbel situación de violencia de xénero e queira obter información ao respecto.
Respecto da seguridade posta en xogo, Rueda e Suárez recordaron que a aplicación é quen de camuflarse “coma unha app de información xenérica para evitar sospeitas”, e está protexida por un contrasinal que debe determinar a propia usuaria.
A aplicación punto por punto
A app discorre a través de 6 ítems sinxelos e prácticos, que consiste en primeiros sinais do maltrato, que facer, tips para a túa seguridade, preguntas frecuentes, preto de min, directorio, chama e infórmate, e galería audiovisual.
1.- Primeiros sinais do maltrato: Pautas para identificar si estás vivindo potencias situacións de maltrato
2.- Que facer: consellos e indicacións de como proceder tanto se a muller é vítima de violencia directamente ou pautas de como actuar para calquera persoa que teña coñecemento dunha situación deste tipo
3.-Tips para a túa seguridade: ofrece pautas de actuación a quen viva situacións de violencia, tanto se aínda non abandonou a dita situación (ofrece consellos claros e directos de como proceder para rachar con ela), como si xa se denunciou a situación (ofrece consellos para a seguridade física da vítima)
4.- Preguntas frecuentes: contén a resposta ás preguntas que as mulleres que padecen violencia de xénero realizan de xeito recorrente, sobre todo en relación coa denuncia e a súa interposición, sobre a orde de protección e o que implica e sobre os recurso dos que pode dispoñer.
5.- Preto de min: Activa a través do xeoposicionamento da vítima ou persoa que use a aplicación todo o directorio de recursos existente en Galicia: CIMs, comisarias, hospitais, xulgados específicos etc.
6.- Directorio: Figuran os datos completos da totalidade dos recursos existentes en Galicia (enderezos e teléfonos)
7.-Chama e infórmate: Solo con pulsar esta opción de establece a chamada directa co 016 ou co teléfono 900400273 de información ás mulleres
8.- Galería audiovisual: enlaza coa canle que a Secretaría xeral da Igualdade ten activo en YouTube e no que se soben os diferente produtos audiovisuais que se elaboren en diferentes proxectos. Se actualiza automaticamente, de xeito que actualizada a canle actualizada a aplicación

PUBLICIDADE