Vicepresidencia encarga un videoxogo para loitar contra os estereotipos
martes, 5 de agosto do 2008
En agosto do pasado 2007 o departamento que
dirixe Anxo Quintana sacou a concurso un proxecto para desenvolver un videoxogo
co que promover a igualdade e a corresponsabilidade entre a poboación infantil,
máis a iniciativa non tivo éxito e o posto ficou vacante. Vicepresidencia tivo
entón que agardar un ano para dar cunha empresa á medida das súas esixencias. Segundo informa o Diario
Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres 1 de agosto, a compañía
adxudicataria desta nova convocatoria (anunciada no pasado mes de abril)
resultou finalmente a coruñesa MIP Configuraciones Informáticas S.L., que
contará para desenvolver a aplicación encargada polo organismo da Xunta, cun
presuposto de máis de 152.000 euros.
O devandito videoxogo irá dirixido a nenas e
nenos de entre seis e dez anos e o obxectivo do mesmo será promover a igualdade
entre os menores e loitar contra os estereotipos creados ao longo de moitos
anos de historia nunha sociedade sexista onde as haxa.
MIP Configuraciones Informáticas S.L. deberá
entregar un total de 15.000 copias do videoxogo en CD-ROM antes do vindeiro mes
de febreiro e aínda que non se sabe cal será a estratexia seguida pola empresa
da Coruña para loitar a prol da igualdade de sexos, xa é seguro que terá unha
navegación doada e será visualmente atractivo, dúas esixencias fundamentais postas
como condición por Vicepresidencia.
Sexa cal sexa o camiño que escolla a empresa
galega para acadar o seu obxectivo final, en Código Cero só agardamos que non
se guíen polas ideas achegadas polo xornalista da nova publicada na web de Lavozdegalicia.es
que describe como heroína ideal a unha “xentil
doncella que é quen de conducir autobuses, dirixir empresas ou abrirlle a porta
a un cabaleiro que lle acaba de fregar os cacharros”. Sobran as palabras.