View-You Cam: a webcam que permite manter o contacto visual

xoves, 31 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Ao longo de 2020 afixémonos a realizar videoconferencias e asistir a webinarios, e en case todos os casos atopamos algo que facía moi incómodo conectar coas persoas ao outro lado da pantalla: a falta de contacto visual. O feito de que as webcams se coloquen normalmente sobre o monitor fai que a persoa coa que falamos estea a mirar para a pantalla en vez de a cámara, o que crea certa incomodidade ao interactuar, para o que chegou a Kickstarter unha solución bastante curiosa, a View-You Cam.
Estamos ante unha cámara web telescópica, que conta cun mecanismo que permite situar o obxectivo da cámara na metade da pantalla, o máis preto posible da posición na que estea representada a cara da persoa coa que falamos por videoconferencia, evitando así que miremos cara abaixo ou cara a un lado durante as xuntanzas en liña.
Este proxecto de micromecenado británico ofrece esta orixinal cámara por a partir de 70 libras esterlinas (78 euros) confiándose en que poidan entregarse as primeiras unidades deste produto o vindeiro mes de xullo.
Esta curiosa solución tamén pode resultar moi práctica para a realización de presentacións e para impartir cursos á vez que se emprega a propia pantalla para ler textos mentres se mantén a mirada orientada a cámara, conseguindo así unha comunicación máis efectiva.
A cámara poderá captar vídeo Full HD a 30 imaxes por seguindo, integra micrófono, conéctase ao ordenador mediante USB 2.0 (incluirá adaptador para USB-C) e pode descender verticalmente até 12 centímetros.

Vídeo no que fan unha demostración de uso da Wiew-You Cam

PUBLICIDADE