Vigo dedica 160.000 euros á alfabetización e á capacitación tecnolóxica de adultos

mércores, 4 de setembro do 2024 S. P.

A xunta de Goberno local de Vigo vén de aprobar a contratación do programa municipal de educación básica de persoas adultas por un importe de 160.000 euros para un período de 4 anos. O alcalde Abel Caballero puxo en valor a formación que recibe o alumnado cun perfil maioritario de mulleres “de idade avanzada que no seu día non tiveron a oportunidade de aprender a ler e escribir” e que agora, a través deste programa do Concello, teñen acceso á formación.
O programa de educación básica para persoas adultas foi adxudicado polo Concello á Asociación de Mulleres Progresistas que impartirá clases de alfabetización xeral, de cálculo matemático e de novas tecnoloxías da información, con vistas a reducir a fenda dixital e capacitar á poboación no uso do teléfono móbil e do computador.
O programa conta anualmente cunha media de 180 alumnas e alumnos que reciben formación nas asociacións de veciños de Teis, Calvario, Cristo da Victoria (Coia), Sárdoma, Bembrive, Lavadores e no centro da cidade.