Vilagarcía lanza un plan para dixitalizar e relanzar o sector servizos
venres, 12 de xuño do 2020
A
Concellería
de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía presentou un
programa de traballo para facer avanzar as empresas locais en materia
de dixitalización e modernización. O obxectivo desta
iniciativa, abeirada ao Plan de Protección do Tecido Social e
Económico de Vilagarcía creado polo Concello, é contribuír á
recuperación do tecido produtivo local neste verán de desescalada,
ao tempo que se pon en xogo un elemento clave de competitividade e
resistencia fronte a situacións adversas como esta que estamos a
vivir.
A
estratexia está destinada ao sector servizos, dado que é “o que
maior peso ten na economía local de Vilagarcía e tamén porque está
a ser o máis afectado pola crise económica derivada da pandemia”,
informou o Concello, engadindo que das medidas incluídas poderá
beneficiarse calquera negocio ou pequena empresa do municipio
pertencente a este sector.
O
programa Dixitalización e Modernización do Sector Servizos
componse de tres liñas distintas de actuación: Implantación de
sistemas de venta online; Asesoramento e implementación de
TIC, soportes informáticos e tecnolóxicos; e Formación. Neste
último bloque establécese un apartado concreto para capacitación
en medidas de protocolos anti-COVID e un segundo de formación en
comercio en liña e mercadotecnia comercial.
O
Concello de Vilagarcía colaborará no desenvolvemento das accións
que se acollan a estes tres puntos de dúas maneiras: colaborando no
financiamento ou promovendo directamente iniciativas nas que poderán
participar os interesados, por exemplo organizando accións
formativas abertas ao sector.