Vilagarcía promoverá a Praza de Abastos nas redes a través dos Next Generation

venres, 27 de xaneiro do 2023 S. P.

Dixitalizar e dinamizar a Praza de Abastos é un dos obxectivos da Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía para o ano 2023. Ao abeiro deste reto, poranse en marcha varias iniciativas. Unha delas consiste nunha campaña de comunicación online a desenvolver durante todo o ano. O seu obxectivo será “achegar os servizos e produtos da praza a novos públicos e captar nova clientela entre os sectores da poboación de menor idade, que son os que frecuentan menos os mercados públicos”. A execución desta iniciativa contratouse por importe de 12.450 euros (sen IVA) á empresa Proimaxe.
A campaña de comunicación online para a Praza de Abastos enmárcase no programa Vilagarcía Viva, deseñado pola concellería que dirixe Alba Briones para dinamizar o comercio de proximidade e que obtivo financiamento europeo a través dos fondos Next Generation. Esta medida en concreto corresponde á liña relativa á transformación dixital, de aí que a campaña se centre na promoción en liña. Esta consistirá no deseño e difusión a través dos novos medios dunha serie de contidos para presentar e dar a coñecer á cidadanía aos praceiros do mercado público, a informar da ampla oferta que existe na Praza, dos produtos de tempada, das propiedades nutricionais dos mesmos ou a propoñer receitas ou ideas que realizar co xénero que ofrece o mercado. A campaña secuenciarase en catro etapas a desenvolver ata finais de 2023 e contará cun boletín físico a modo de apoio ou complemento da difusión online.
Ademais do devandito, a Concellería de Promoción Económica vén de recibir o proxecto técnico para dotar ao mercado municipal da instalación fotovoltaica que permita ao edificio ser autosuficiente en materia enerxética Nesta mesma actuación se inclúe a instalación de dous estacións de carga para vehículos eléctricos.
O proxecto está presupostado en 111.152 euros que tamén se financiará cos fondos Next Generation, neste caso a través da liña relativa á eficiencia enerxética que a UE promove para reducir as emisións de CO2.

PUBLICIDADE