Virtua Fighter 2 rexurde nunha versión para iPhone

venres, 21 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Paulatinamente as compañías de videoxogos máis tradicionais están a dirixir os seus esforzos a lanzar títulos para plataformas móbiles coma iOS en vez de apostar pola PSP ou a Nintendo DS, e coma exemplo temos que SEGA vén de estrear na App Store europea unha conversión do xogo de Mega Drive Virtua Fighter 2, que permite revivir os combates do segundo Torneo de Loita Mundial con 9 personaxes con máis de 25 técnicas exclusivas cada un.
Inicialmente o xogo permite escoller entre 8 loitadores (Akira Yuki, Pai e Lau Chan, Wolf Hawkfield, Sara e Jackie Bryant, Kage-Maru e Lion Rafale) podendo desbloquearse o xefe final, Dural, coma un noveno personaxe manexable.
Este novo título para iPhone e iPod Touch manéxase mediante controis virtuais, permite combates multixogador por Bluetooth e ten un prezo de 1,59 euros.

PUBLICIDADE