Visor persoal 3D de Epson, con pantallas transparentes, Wi-Fi e Android
mércores, 9 de novembro do 2011
Epson anunciou
no Xapón o visor Moverio BT-100, que promete ser o primeiro dispositivo
deste tipo que permite amosar contidos en 3D coma se estivésemos a mirar unha
pantalla de 80 polgadas a 5 metros de distancia á vez que pode verse o que
acontece no mundo real, pois en vez de utilizar pantallas LCD optou por unha
especie de proxectores en miniatura que levan as imaxes a uns paneis transparentes
que poden escurecerse mediante un filtro semellante a unhas lentes de sol (ou
mesmo opacarse completamente).
Este dispositivo pode reproducir vídeos MPEG-4/MPEG-4 AVC/H.264 nas súas
pantallas de 0,52 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, funciona co
sistema operativo Android 2.2, ten conectividade microUSB e tamén conta con
conectividade Wi-Fi N (para acceder a vídeos de YouTube e a un navegador web).
Pese a estarmos ante un trebello interesante, non deixa de ser aparatoso,
cunhas medidas de 205 x 178 x 47 milímetros e un peso de 240 gramos, acompañado
por un mando de 107 x 67 x 19 milímetros e 160 gramos de peso, polo que parece
difícil que vaia popularizarse.
Epson estiva que vai vender 10.000 unidades cando chegue ás tendas xaponesas o
vindeiro día 25 a un prezo de 59.980 iens (568,61 euros).
- O Epson Moverio BT-100 está composto por un visor e un mando