Vitae achega en abril unha nova oportunidade para participar no seu curso sobre fundamentos do testing

martes, 9 de marzo do 2021 S. P.

A formación sobre proxectos tecnolóxicos (funcionalidades, aplicacións, servizos resultantes, utilidade) é fundamental para o noso traballo pero tamén o son os coñecementos sobre como levar a cabo eses proxectos: as metodoloxías, os mecanismos que conteñen e impulsan o desenvolvemento. Botar luz sobre isto e facelo dun xeito primordialmente rendíbel é un dos grandes obxectivos do Curso sobre Fundamentos en Testing que chega esta primavera, da man de Vitae Consultores, á súa oitava edición. Será novamente en formato de aula virtual e con opción a obter o certificado ISTQB. As dezaseis horas de formación programadas levaranse a cabo os días 12, 13, 14, 15, 19, 20, 21 e 22 de abril. A razón de ser deste curso é achegar aos nosos profesionais as claves para garantir o factor calidade nos procesos de desenvolvemento e, polo tanto, a excelencia do produto resultante.
O curso, máis en concreto, céntrase nos fundamentos do que se coñece como testing, que non é outra cousa que a práctica (moi recomendábel en todos os ámbitos, non só o informático) de probar algo a fondo, de continuo, antes de chegar á recta final do proceso de materialización. No curso mostraranse ao detalle as diferentes probas que se poden levar a cabo así como o deseño destas e as ferramentas existentes para realizar proxectos de testing a nivel profesional.
O curso subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE