Vitae achega en virtual o seu curso sobre proxectos áxiles con Scrum, Scrumban e Lean

mércores, 27 de maio do 2020 S. P.

Dixitalizar e axilizar son conceptos relacionados, e tamén a capacidade das empresas de ser máis competitivas, contar con máis e mellor información e ter máis marxe de manobra para saber o que precisa o mercado. Todos estes, e algún máis, son os ingredientes dunha das máis históricas actividades formativas de cantas se celebran en Galicia e no ámbito estatal: o Curso sobre Dirección de Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, que organiza a consultora Vitae e que chega esta primavera-verán á súa edición 33. Desenvolverase a través da aula virtual de Vitae (non presencialmente, coa finalidade de garantir a seguridade dos participantes fronte á COVID-19) os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño e máis os días 2 e 3 de xullo.
Para quen non o saiba, trátase dunha actividade formativa de 16 horas (en horario de 18.30 a 20.30 horas) que proporciona 150 PDA e, polo tanto, a Certificación Scrum Manager nivel Experto. O curso diríxese a familiarizar aos nosos profesionais para aplicar os devanditos modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que introducen factores extra de eficacia, rendibilidade e sintonía cos clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos segundos mesmo antes de que sexan achegadas).
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA (Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain, Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare, Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek, Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.

PUBLICIDADE