Vitae dispara o noso talento cunha manchea de cursos de capacitación TIC

xoves, 8 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

No panorama galego e estatal de formación tecnolóxica para profesionais TIC, sen dúbida a consultora galega Vitae ten un papel máis que destacado. Por que? Pois por moitos motivos, comezando pola calidade dos obradoiros e pasando pola atención prestada ás novas tendencias de metodoloxías de traballo e, sobre todo, a aquelas que máis poden servir de utilidade aos nosos profesionais.
A fin de contas, quen mellor que profesionais da innovación para coñecer as necesidades doutros profesionais? Para botar un pouco máis de luz sobre o cometido e a actividade de Vitae, falamos con Doris Verdes, responsábel de Back Office de Vitae. Segundo nos lembra, un dos grandes obxectivos do seu equipo é facer avanzar e medrar as nosas capacidades como profesionais. E como logralo? Pois nin máis nin menos que con formación actualizada.
-En Vitae Consultores, en boa medida, ofrecedes servizos de consultoría e formación avanzada que semellan dirixidos a profesionais que xa contan cunha formación avanzada. Por que é tan importante seguir formándose para unha persoa que xa conta cunha ampla bagaxe de capacitación e adestramento tecnolóxico?
-As capacidades humanas desenvólvense mediante a formación, é dicir, formarse ha de ser unha constante na vida profesional para o crecemento e evolución do talento. O cerebro humano funciona desta maneira, está deseñado para ser “curioso” e “obter coñecementos” para potenciar as capacidades ou habilidades de cada un.
-Nunha parte importante dos cursos que organizades facedes fincapé na necesidade de traballar con metodoloxías áxiles. Ben para comunicarnos, ben para xestionar proxectos ou ben para adaptarnos da mellor maneira posíbel aos cambios que poidan afectar a un grupo de traballo (por exemplo que se incremente o grupo de profesionais, que se abran vieiros de colaboración con outros grupos ou empresas...) ou a unha empresa. Por que é tan fundamental que levemos á práctica metodoloxías áxiles no noso día a día?
-As metodoloxías áxiles son unha evolución das metodoloxías de predición de toda vida e compleméntanas. Os dous aspectos máis importantes das metodoloxías áxiles son que antepoñen primeiro ás persoas antes que os procesos, co que se consegue a auto-organización e o auto-liderado dos equipos de traballo e tamén antepoñen primeiro a entrega de valor ao cliente no canto dos procedementos e a documentación que non acheguen valor, o que reduce os tempos de entrega e os custos.
-Outro dos puntos nos que facedes fincapé é na seguridade. Por exemplo, estes meses de novembro e decembro organizades o Curso Introdución á Programación Segura ante Ciberataques. Sabemos que se trata dunha actividade para axudarnos a lograr contornas protexidas de traballo no desenvolvemento de aplicacións, pero contádenos un pouco máis dos seus obxectivos e das cousas que nos axudan a facer no ámbito de creación de programas e servizos....
-A seguridade nas aplicacións son cada día son máis necesarias pois cada vez facilítanse máis servizos a través de Internet e o obxectivo é convertelas en menos vulnerables aos riscos de ciberataques que se producen, e así conseguir a fiabilidade e a tranquilidade para os usuarios no uso das devanditas aplicacións.
-Volvendo á ciberseguridade, cal é a vosa opinión sobre como chegará a afectar ao día a día das empresas TIC a medio e longo prazo? Credes que, tal e como van ir as cousas, será imprescindíbel para un desenvolvedor estar en alerta a tempo completo?
-A día de hoxe existe necesidade nas empresas TIC en formación e capacitación en ciberseguridade para que as aplicacións que desenvolven sexan seguras, polo que estas empresas están a aplicar protocolos de protección dixital nos seus procesos de creación destas aplicacións.
-Algúns dos vosos cursos teñen tras de si tantas edicións, tanto seguimento e tanta capacidade de convocatoria que xa podemos dicir sen temor a trabucarnos de que son cursos históricos. Por exemplo o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software. A que se debe o éxito desta actividade formativa que os días pasados chegou á súa 23 edición? Por que segue estando de actualidade?
-A resposta a esta pregunta é doada, e ensínase neste mesmo curso de Scrum e é a seguinte: “porque é útil” e “achega valor” esa é a razón principal do éxito deste curso e dos outros cursos dos cales levamos varias convocatorias, por exemplo o de Angular (8ª edición), o de Big Data (8ª edición), o de Avaliación e Selección de Perfís TI baseadas en Neurociencia (11ª Edición), o de Clean Code (5ª edición ), ou o de PMI (14ª edición ) etc....
-Este outono tendes programados unha serie de cursos de gran interese. Que máis nos destacariades, aparte dos que xa mencionamos?
-Destacariamos o Curso de Metodoloxías Áxiles Escaladas, que é unha formación máis avanzada do curso de Scrum, xa que algunhas organizacións precisan destas metodoloxías para facer realidade a tan coñecida transformación dixital, é dicir, aplicar as metodoloxías áxiles non só ao ámbito TI senón tamén ao ámbito de negocio.

PUBLICIDADE