Vitae mergúllanos cun novo curso no desenvolvemento seguro ante ciberataques

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

A ciberseguridade é un ámbito profesional moi destacado, e todos os indicadores apuntan a que a súa importancia redobrarase este ano, e así cada pouco tempo. Especializarnos en protección de sistemas, tecnoloxías e información é, polo tanto, un bo xeito de ollar cara ao futuro, e así nolo certifica o mercado profesional. Porén, trátase dun ámbito que require constante adestramento, pola necesidade de anticiparnos a unha corrente, a das ameazas e o cibercrime, que é unha corrente que se renova cada pouco. Vitae Consultores bótanos unha man cun novo curso, Desenvolvemento seguro ante ciberataques.
Serán 20 horas de formación impartidas a través da aula virtual da consultora galega. Celebrarase os días 21, 23 e 24 de febreiro, e tamén os días 2, 3, 7 e 9 de marzo de 2022.
Vitae ponnos en situación do seguinte xeito: “A medida que mudan as prácticas de codificación segura aceptadas pola industria, as metodoloxías de codificación das organizacións e a capacitación dos desenvolvedores débense actualizar para acometer novas ameazas. As vulnerabilidades identificadas nos requisitos en OWASP e PCI-DSS proporcionan un punto de partida. É responsabilidade da organización informarse sobre as últimas tendencias en vulnerabilidades e incorporar novos riscos identificados e non tratados de xeito específico no OWASP e o PCI-DSS en canto ás prácticas de codificación segura que cubrirá axeitadamente a presente formación”.
No curso desenvolveranse exemplos de código para a busca activa de vulnerabilidades e a súa correspondente mitigación sobre algunha das linguaxes de desenvolvemento máis empregado na industria.
Os obxectivos da actividade formativa son os seguintes:
-Actualización das novas prácticas de codificación segura con exemplos sobre algunhas das linguaxes máis empregadas pola industria cubrindo a actualización ás novas ameazas.
-Coñecer a terminoloxía básica en canto a seguridade, os tipos de atacantes e as súas motivacións.
-Coñecer as principais metodoloxías de desenvolvemento seguro.
-Ter uns coñecementos en fundamentos de programación segura.
-Coñecer os erros comúns que levan a desenvolvementos inseguros.
-Inxección.
-Condicións de carreira.
-Como se fai o control de sesións.
O curso está dirixido a programadores, analistas programadores e enxeñeiros de software de calquera linguaxe de programación. Tamén a responsábeis de seguridade IT e profesionais en xeral deste ámbito.
Os contidos serán impartidos por Tomás Isasia, un dos máis destacados expertos en ciberseguridade a nivel estatal, con ampla experiencia liderando equipos de diferentes tamaños e empresas na xestión e protección de tecnoloxías, así como desenvolvemento a súa carreira en grandes empresas do IBEX 35 e no Servizo Madrileño de Saúde.

PUBLICIDADE