Vitae ofrécenos recursos para converternos en expertos en comunicacións e presentacións
mércores, 25 de marzo do 2020
Vale
que a información é importante, pero tamén é importante como se
expresa esa información, como metela nas palabras, nas frases, nos
tempos e nas pautas axeitadas. A ciencia das comunicacións eficaces
e eficientes vén de antigo, pero está perfectamente vixente para o
ámbito das novas tecnoloxías, onde a complexidade dos termos a
utilizar obríganos a redobrar esforzos para ser máis claros,
concisos e directos. Para botarnos unha man neste punto e sempre e
cando a actividade formativa habitual das nosas consultoras poida
retomarse este mes de maio unha vez se levante o estado de alarma,
Vitae
Consultores celebra o día 14 na Coruña a oitava edición do seu
Curso Comunicacións e Presentacións Eficaces. Será novamente
unha actividade formativa de oito horas, a celebrarse nunha única
xornada.
Os
obxectivos do curso pasan polo seguinte: ofrecer claves aos
profesionais que posúan responsabilidades en dirección de proxectos
se comuniquen acotío con clientes, superiores ou colegas de
profesión, e, sobre todo, cos seus colaboradores directos, que
adoitan estar (con cada ano que pasa) cada vez máis preparados e que
agardan dos seus responsábeis “unha coordinación e unha
comunicación eficaz que lles permita optimizar os seus esforzos”.
O
curso vén con este plan de traballo:
·
Como planificar unha presentación (forneceranse as ferramentas
precisas para sistematizar o proceso natural de preparación dunha
presentación: investigar cal é a composición e cales as
expectativas da audiencia, axustar os contidos ás circunstancias,
coñecer con exactitude a mensaxe que precisamos comunicar e, por
enriba de todo, inspirar na audiencia o cambio desexado).
·
Como estruturar apropiadamente os contidos (familiarizarémonos con
ferramentas para seleccionar os elementos da nosa presentación e
“para ordenalos nun inicio de impacto, un corpo ben organizado e
unha conclusión memorábel”).
·
Como deseñar de maneira eficaz os elementos visuais (descubriremos
as distintas maneiras de maquetar o contido, como espremer os
elementos multimedia e como empregar os mellores gráficos para
contar visualmente a historia soterrada baixo os datos).
O
curso está dirixido a calquera profesional “que desexe mellor as
súas comunicacións e presentacións orais, teña ou non
responsabilidades na dirección de proxectos”. Tamén se encamiña
a profesionais con responsabilidades en proxectos que decote deban
comunicar e presentar de xeito verbal as súas ideas para a
motivación dos seus colaboradores.
O
curso será impartido por Gonzalo Álvarez Marañón, enxeñeiro
superior de Telecomunicación e formador de expertas e expertos en
comunicación. É doutor en Informática pola UPM (ano 2000) e
adestrador asociado de SUN pola ICF. Adicou os seus primeiros quince
anos de actividade profesional á seguridade informática e á
comunicación dos seus achados en diversas canles e plataformas. Este
labor foi complementado cun intenso traballo formativo dentro de
organizacións, con charlas sobre seguridade informática
desenvolvidas por todo o mundo nos foros máis variados. Logo desta
andaina comezou a axudar a empresas e particulares a presentar as
súas ideas con seguridade e confianza para mover ás súas
audiencias á acción. Ten formado a milleiros de directivos e
profesionais en xeral de todos os sectores.