Vitae organiza en abril a 37 edición do seu curso sobre xestión de proxectos áxiles con Scrum

martes, 2 de marzo do 2021 S. P.

Vitae Consultores prosegue nesta inminente primavera achegando formación dende a súa aula virtual, de gran interese para todo aquel profesional (tecnolóxico ou non) que queira ampliar os seus coñecementos sobre os cada vez máis vixentes (e urxentes) métodos áxiles para o desenvolvemento de proxectos. Entre outros cursos, Vitae convoca a 37º edición dunha actividade formativa que xa era relevante en formato presencial, antes da crise sanitaria, e que agora adquire novas cotas de universidade e repercusión co formato online. Trátase do Curso Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con Scrum. Serán, novamente, 16 horas de adestramento sobre algúns dos mecanismos de máis probada valía para garantir o éxito dun proxecto tecnolóxico.
Desenvolverase os días 5, 6, 8, 9, 12, 13, 15 e 16 de abril.
Vitae explícanos así a vixencia deste curso: “Dada a situación cambiante do mercado e a necesidade das empresas e os seus equipos a adoptar medidas para satisfacer de xeito eficaz e rápido as necesidades do cliente, proponse este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software, unha metodoloxía que vai permitir a implicación e auto-organización de todo o equipo para fixar un punto de partida co que definir o proceso de execución do proxecto”.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE