Vodafone achega axudas para permitir a teleformación en milleiros de fogares

xoves, 26 de marzo do 2020 S. P.

Vodafone segue achegando novidades importantes en relación á pandemia e á importancia das telecomunicacións para, por unha banda, mitigar os efectos do confinamento e, pola outra, contribuír á teleformación e ao teletraballo das familias e das empresas. Este xoves 26 deu a coñecer que xa hai 8.500 fogares conectados ao programa de impulso ao éxito escolar de Cruz Vermella Mocidade, unha iniciativa que conta co apoio da operadora e que se insire en Cruz Vermella Responde, “a maior mobilización de recursos da historia da organización humanitaria”.
Grazas a esta nova iniciativa, os devanditos fogares teñen conexión de balde para que as nenas e nenos que viven nelas dean continuidade ao Programa de Promoción de Éxito Escolar e o desenvolvemento de competencias dixitais a través de DigiCraft. “Este reforzo”, explica a compañía, “contribuirá a evitar o illamento ao que se están vendo sometidos moitas rapazas e rapaces de España, así como facilitar o que poidan manter o contacto cos seus titores e persoas de referencia, tan importantes nestes momentos, contribuíndo á diminución da fenda dixital”.
A alianza entre Cruz Vermella, Vodafone e Fundación Vodafone empezou hai máis de 25 anos co obxectivo de “afrontar as necesidades e respostas sociais mediante a innovación tecnolóxica e en especial de combater as brechas tecnolóxicas nos colectivos en situación de vulnerabilidade”.

PUBLICIDADE