Vodafone achegará ós seus clientes o novo disco de Madonna oito días antes da súa estrea

mércores, 19 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Os seareiros de Madonna que ademais sexan clientes de Vodafone semella que están de sorte. Segundo vén de informar a operadora, os usuarios dos seus dispositivos móbiles poderán ter nos seus aparellos as cancións do novo traballo discográfico (Hard Candy) da cantante até oito días antes có resto dos seus fans. A achega dos temas, posible por un acordo con Warner Music, será progresiva: comezará a partir do 21 de abril, cunha canción por xornada a través de Vodafone Music Player.
Asemade, ofrecerase a través de Vodafone Live! todo tipo de material multimedia vinculado a este novo traballo da cantante, incluída a retransmisión vía teléfono móbil do concerto de presentación de Hard Candy -unha vez máis en exclusiva para os clientes da operadora- que terá lugar en París o vindeiro 6 de maio.
O novo disco de Madonna está a ser noticia estes días na Rede por diversos motivos, e non todos eles vinculados directamente ó musical. Hai uns días, a portada converteuse no centro de atención dos internautas por unha circunstancia que de maneira invariable acompaña ás estreas da cantante: a polémica. Desta volta, o interese mediático veu dado polas mensaxes máis ou menos subliminais que se poden rastrexar na portada (Madonna aparece co cinto da vitoria dos loitares e cunha actitude que ten un aquel de provocación sexual). O lanzamento do disco está previsto para o 29 de abril.

PUBLICIDADE