Vodafone lanza a primeira tableta 5G do mercado español, a Samsung Galaxy Tab S7+ 5G

mércores, 9 de setembro do 2020 S. P.

Vodafone España fixo saber este mércores que será o primeiro operador do panorama estatal en comercializar o novo Samsung Galaxy Tab S7+ 5G, o pioneiro dispositivo que inaugura o mercado das tabletas con tecnoloxía 5G no ámbito español. Segundo explica a operadora, este terminal vén a complementar un amplo catálogo de dispositivos con este estándar novo de comunicación: máis de 20 modelos distintos ofrecendo un amplo abano de prezos. O Samsung Galaxy Tab S7+ 5G estará dispoñíbel para a súa compra esta semana.
A súa capacidade 5G poderá poñerse a punto en 21 cidades do territorio estatal (incluídas as localidades galegas de Vigo, A Coruña e Tui), que son as urbes onde a compañía ofrece a devandita tecnoloxía. Isto tradúcese en velocidades de descarga de 1 Gbps e latencias inferiores a 10 milisegundos, o que é, en palabras de Vodafone, “especialmente útil en aplicacións de videoxogos, Realidade Virtual e Aumentada ou de control remoto en tempo real”.
Respecto ás características externas do aparello, presenta un deseño en metal unibody e con 5.7 mm de grosor, amais de contar cunha pantalla de 12,4 polgadas (sAMOLED) con 120Hz de refresco, o que se complementa con catro altofalantes AKG e tecnoloxía Dolby Atmos. Isto, en palabras da compañía, “convérteo nun dispositivo idóneo para ver películas e series en calquera das plataformas que Vodafone TV ofrece nas súas packs: HBO España, Netflix ou Filmin”.
Ademais, dispón dunha batería de 10.090 mAh, 6 GB de memoria RAM e 128 GB de ROM e unha dobre cámara frontal de 13+5 Mp con 8 Mp na cámara frontal. Por último, tamén destaca o seu S-Pen, accesorio que permite un gran abanico de posibilidades como, por exemplo, a Firma Biométrica.
Samsung Galaxy Tab S7+ 5G poderase adquirir desde 27,5 euros ao mes durante 36 meses ao asocialo con calquera tarifa móbil ou converxente para clientes particulares. Os clientes profesionais e pequenas empresas tamén poden acceder a este dispositivo.

PUBLICIDADE