Vodafone lanza en España o seu servizo de Solucións Unificadas

venres, 5 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Vodafone España e Microsoft, dúas grandes compañías dedicadas a facilitar a comunicación e a interactividade entre as persoas aínda que estas se atopen a milleiros de quilómetros de distancia (cada unha no seu campo) veñen de anunciar o lanzamento de Vodafone Solucións Unificadas, un servizo completo que integra Microsoft Online Services (servizos de produtividade e colaboración hospedados en data centers de Microsoft) con Oficina Vodafone (voz e banda ancha fixa e móbil) para facilitar a xestión dos sistemas de información e telecomunicacións das empresas españolas.
O lanzamento, que tivo lugar hoxe mesmo, forma parte do acordo global anunciado entre o Grupo Vodafone e Microsoft Corporación, e convirte a España nun dos primeiros países onde se están a integrar os servizos de voz e datos de Vodafone para empresas con Microsoft Online Services.
Este paquete permítelle aos empresasarios do país, dende os autónomos ata os directivos dunha empresa con centos de empregados, gozar dos servizos de telecomunicacións, mensaxería e colaboración máis avanzados, así como eliminar os custes de mantemento e xestión, ofrecéndolle ao cliente a vantaxe de ter un único provedor e unha única factura
Con Oficina Vodafone, “a intelixencia da rede móbil substitúe todas as funcionalidades das centrais tradicionais” e, segundo veñen de informar os seus responsables, “as empresas contan cunha solución de voz totalmente móbil, co que gañan en eficacia e eficiencia”.
Por outra parte, Microsoft Online Services, parte da suite Negocio Productivity Online Suite (BPOS) de Microsoft, é, segundo aseguran, “o paquete de solucións máis completo de produtividade e colaboración do mercado, que ofrece alta dispoñibilidade, seguridade integral e administración de TI simplificada”. Trátase, segundo afirman, “dunha peza clave dentro da estratexia de Cloud Computing de Microsoft, pola que a compañía ofrece ao cliente a flexibilidade e a capacidade de elixir a solución máis idónea para as súas necesidades de negocio”.
En definitiva, segundo palabras de María Garaña, presidenta de Microsoft España, "este acordo permitiralle ás empresas españolas, con independencia do seu tamaño, acceder ás solucións de telecomunicacións e mensaxería máis avanzadas. Partners, como Vodafone, están a desempeñar un papel fundamental neste novo modelo de negocio, axudando aos clientes a optimizar os seus investimentos en tecnoloxía Microsoft".

PUBLICIDADE