Vodafone leva as súas chamadas Wi-Fi aos iPhone e Apple Watch

mércores, 29 de marzo do 2023 Marcus Fernández

En outubro do ano pasado Vodafone anunciou a activación das chamadas Wi-Fi en España, tecnoloxía que permite que cunha serie de smartphone poidamos realizar chamadas de voz dende a nosa liña móbil e coa nosa tarifa, pero empregando unha conexión Wi-Fi en vez da rede móbil do noso operador, o que pode resultar moi práctico para interiores de edificios nos que a cobertura móbil sexa deficiente.
Agora dan un paso máis mellorando este servizo, e Vodafone España anuncia que a partir de hoxe os seus clientes poden activar en iPhone e Apple Watch (que teñan instalado iOS 16.4) o servizo de Chamadas Wi-Fi, conseguindo chamadas de máis calidade onde hai unha mala cobertura móbil pero boa conexión á Rede a través de Wi-Fi.
As chamadas de voz realizadas a través de Wi-Fi cárganse á tarifa que teñan os usuarios, e precisa que as liñas en concreto teñan activado o servizo VoLTE de Vodafone, que é a característica que tamén ofrece a posibilidade de realización de chamadas a través da rede móbil 4G.
Lembremos que o servizo de chamadas Wi-Fi de Vodafone funciona con moitos móbiles de marcas distintas a Apple, como os móbiles máis populares de Samsung, bastantes smartphones de Xiaomi, e algún móbil de Oppo, Realme, Vivo e outras marcas.

PUBLICIDADE