Vodafone participa na primeira demostración mundial de SIM integrada (iSIM) en smartphones

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

A operadora Vodafone, Qualcomm Technologies e Thales veñen de realizar a que sería primeira demostración mundial dun smartphone con iSIM (tecnoloxía baseada na especificación ieUICC1 da GSMA), unha novidade que permite integrar a funcionalidade dun cartón SIM no procesador principal dun dispositivo. “Este fito”, explica Vodafone, “achanda o camiño para a comercialización da tecnoloxía, que podería implementarse en novos dispositivos que utilizarán iSIM para conectarse a servizos móbiles”.
A iSIM integra a funcionalidade SIM no procesador principal do dispositivo, o que permite “unha maior integración do sistema, un maior rendemento e unha maior capacidade de memoria”, informa a operadora, engadindo que “esta tecnoloxía é a última evolución da tecnoloxía SIM na que as eSIM están integradas nos dispositivos”. Con todo, se ben a eSIM require un chip separado, isto soluciónase coa iSIM, onde se elimina a necesidade dun espazo dedicado asignado aos servizos SIM. “A tecnoloxía iSIM é unha evolución significativa das solucións eSIM existentes e brinda beneficios masivos tanto aos consumidores como aos operadores de telecomunicacións, facilitando que os servizos móbiles sexan integrados en dispositivos máis aló do teléfono móbil, levando a experiencia móbil a computadores portátiles, tabletas, plataformas de Realidade Virtual, dispositivos IoT (Internet das Cousas), carrexábeis (wearables) e máis”, engaden fontes da operadora de telecomunicacións, engadindo que “a iSIM está integrada no procesador de aplicacións do dispositivo achegando múltiples beneficios”. Por exemplo os seguintes:
-Simplifica e mellora o deseño e o rendemento do dispositivo ao liberar o espazo que antes ocupaba dentro do terminal.
-Consolida a funcionalidade SIM no conxunto de chips principal do dispositivo xunto con outras capacidades críticas como GPU, CPU e módem.
-Permite a provisión a distancia da SIM por parte do operador aproveitando a infraestrutura eSIM existente.
-Abre capacidades de conexión de servizos móbiles a unha gran cantidade de dispositivos que anteriormente non podían ter capacidades SIM integradas.

PUBLICIDADE