Vodafone premia con descontos aos clientes que entreguen o seu terminal

venres, 31 de xullo do 2020 S. P.

Vodafone España presentou este último día de xullo unha iniciativa para facilitar descontos aos clientes que entreguen terminais en desuso e adquiran un aparello novo. O programa chámase Re-estrea e insírese na política a prol do medio ambiente da operadora, Red Loves Green, destinada concienciar sobre a importancia da economía circular (a través da reciclaxe e reutilización de terminais) na sustentabilidade da industria e o planeta. Os descontos para os usuarios que entreguen o dispositivo que non vaian empregar poden chegar até os 180 euros nalgúns modelos.
O servizo oriéntase a cumprir cun obxectivo duplo: contribuír co medio ambiente na medida en que o dispositivo entregado (móbil ou tableta) será reciclado ou reutilizado, dándolle así unha segunda oportunidade; e recompensar a sensibilización ecolóxica dos clientes posibilitando o acceso a terminais novos con condicións e ofertas moito máis vantaxosas.
A compañía lembra que durante o exercicio 2018-2019, máis de 1,4 millóns de dispositivos foron recollidos pola empresa para a súa reutilización e reciclaxe.
Esta iniciativa é válida para móbiles de calquera operador e fabricante, podéndose entregar até dous dispositivos por operación.

PUBLICIDADE