Vodafone presenta un smartwatch para a rapazada cos personaxes máis coñecidos de Disney e Star Wars

mércores, 2 de decembro do 2020 S. P.

A operadora Vodafone e a compañía Disney presentaron este mércores 2 de decembro un reloxo intelixente especialmente acaído para a xente máis nova da casa, o smartwatch Neo, deseñado cos personaxes máis representativos dos filmes de Disney, Pixar, Marvel e Star Wars, e cunha longa listaxe de funcionalidades que inclúen conectividade, control parental, chamadas para establecer comunicación coas nais, pais e titores, chats, personaxes e emojis. A idea é achegar lecer ao tempo que se achanda o terreo para que as nenas e nenos dean “os seus primeiros pasos no eido dixital” e, en definitiva, “descubran, xoguen e medren”.
Estará dispoñíbel a principios de ano, e para adquirir unha unidade é preciso facer un pre-rexistro online a través da tenda de Vodafone.
O dispositivo incorpora unha cámara na parte dianteira que permite aos nenos capturar as súas aventuras diarias e dispón dun monitor de actividade que rexistra e establece un obxectivo para incentivar aos nenos a manter unha vida activa. Mentres tanto, os pais estarán conectados cos seus fillos, mesmo cando estean lonxe, con chamadas, chats e vídeo mensaxes.
As nais e pais poderán establecer unha listaxe de contactos de confianza, controlar o tempo de pantalla acesa en Modo non molestar ou visualizar a localización do reloxo. Conta tamén con funcionalidades de calendario e o tempo que, segundo informa Vodafone, incentivan aos nenos a interactuar co mundo ao seu ao redor. Así mesmo, os pais poderán fixar eventos e recordatorios. “Neo”, explicou a operadora, “convértese así no dispositivo perfecto para que pais e fillos estean conectados nunha contorna divertida e segura, sen acceso a Internet ou ás redes sociais”.

PUBLICIDADE