Vodafone venderá en exclusiva ata marzo de 2012 novo móbil de Google

mércores, 30 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá Vodafone presentou en Madrid o novo móbil insignia de Google, o Samsung Galaxy Nexus, que será o terminal que estreará o sistema operativo Android 4.0 e que como xa pasou con outros móbiles de Google (como o Nexus One) chegará inicialmente en exclusiva co operador británico, que permitirá adquirilo dende cero euros (cunha portabilidade a unha tarifa @L), chegando dentro dunhas semanas libre a un prezo de 680 euros.
A exclusividade de Vodafone para a distribución do Galaxy Nexus en España durará ata o mes de marzo, o que contribuirá á comercialización das súas tarifas con banda larga móbil. O terminal poderá adquirirse para altas novas, portabilidades, migracións e plans de puntos, tanto por parte de usuarios particulares como de autónomos, resultando de balde para contratos de a partir de 59 euros/mes con 24 meses de permanencia.
O Galaxy Nexus destaca pola súa pantalla curvada Super AMOLED Plus HD de 4,65 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámaras de 5 e 1,3 Mpíxeles con flash LED, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, GPS, NFC, menos de 9 milímetros de grosor e 135 gramos de peso, unha combinación de prestacións que agradecerán especialmente os desenvolvedores de aplicacións para Android, xa que este móbil será o que tomen de referencia para a creación de aplicacións e o deseño de novos terminais.

JPEG - 45.5 KB
Prezos do Galaxy Nexus para particulares adiantados por Xataka Móvil

PUBLICIDADE