Vodafone venderá o Nexus One en España en maio
luns, 26 de abril do 2010
En
xaneiro Google presentou oficialmente o seu móbil Nexus One,
fabricado por HTC e comercializado inicialmente só nos EE.UU., e que prometía
chegar aos mercados europeos en abril a través de Vodafone, aínda que ao ter
unhas modestas vendas norteamericanas sorprende que o seu desembarco na Europa
continental chegue fóra de prazo, aínda que os británicos terán o terminal nas
tendas a partires do 30 de abril, mentres que os usuarios que opten por encargalo
na web británica de Vodafone poderán recibir o móbil o 5 de maio.
Neste caso o móbil pode
saír de balde cun contrato cunha permanencia de 2 anos e unha cota mensual de
35 libras esterlinas (40,57 euros), existindo todo un rango de
prezos para o terminal.
Dende
Google confirman que Vodafone pronto venderá en primicia o Nexus One en Francia, Alemaña, Italia, Países Baixos
e España, á vez que recomendan aos usuarios norteamericanos que
gusten do móbil de Google e que non
gusten da operadora que o vende en exclusiva (T-Mobile) que opten polo novo Droid
Incredible que comercializará Verizon Wireless, e que chegará ás
tendas o vindeiro 29 de abril cunhas prestacións semellantes ás do seu curmán.
- O Nexus One xa figura na páxina web de Vodafone
Vodafone confirmou que vai achegar o Nexus One a España en maio, engadindo que vai
incluír Google Maps Navigation, ou sexa, o servizo de navegación GPS
de balde de Google, e habilitando
na súa páxina web unha sección dende a que poder inscribirse para recibir
información sobre o móbil.
Podemos lembrar que o Nexus One é un terminal de telefonía móbil baseado en
Android 2.1, cunha pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución de 480 x 800
píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 512 Mbytes de RAM e ROM,
cámara de 5 Mpíxeles, micrófono secundario para a cancelación de ruído,
trackball con LED multicor, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, toma para auriculares estándar e lector de
tarxetas microSD de ata 32 Gb (Vodafone subministrará unha de 4 Gb co móbil).