Vodafone xa prevé o apagamento da súa rede móbil 3G

venres, 20 de maio do 2016 Marcus Fernández

O diario Cinco Días recolle nas súas páxinas as novas metas para o calendario de cambios tecnolóxicos das distitnas áreas de negocio de Vodafone, segundo explicou o seu conselleiro delegado, Vittorio Colao, esta semana, e que sorprende ao incluírse o apagamento progresivo en Europa da súa rede 3G a partires do ano 2020, para así poder aproveitar o espectro para novas tecnoloxías (previsiblemente o 5G).
Este calendario daría a entender que en 2020 a cobertura 4G a nivel europeo sería plena, coa meirande parte dos usuarios empregando xa conexións LTE (que melloraron moito a súa cobertura nos últimos meses). A nivel europeo a cobertura media exterior do 4G de Vodafone situaríase no 87% da poboación, e a compañía prevé acelerar a densificación da cobertura de 4G e 4G+, para o que contan con que o 95% das estacións base en todas as cidades europeas de máis de 100.000 habitantes estean conectadas con fibra óptica en 2020 (permitindo así as conexións móbiles ás elevadas velocidades que achegan este tipo de conexións).
No exercicio fiscal pechado o pasado marzo Vodafone contaba cun saldo de 5,4 millóns de usuarios de LTE, o que supón un crecemento interanual do 96,5%, deixando claro o bo ritmo de crecemento desta tecnoloxía que achega unha banda larga móbil de calidade comparable á banda larga fixa.

PUBLICIDADE